Servizo de acompañamento psicopedagóxico
Cada neno e cada nena medra ao seu ritmo, desenvolve as súas propias capacidades e afronta pequenos e grandes retos ao longo do seu desenvolvemento. E, neste camiño, é natural que nas familias xurdan dúbidas, preocupacións e preguntas sobre como acompañalos da mellor maneira posible. Desde Educando en Familia poñemos en marcha un novo Servizo de Acompañamento Psicopedagóxico, pensado para ofrecer ás familias un espazo próximo de escoita, orientación e apoio ante as diferentes necesidades que poden aparecer durante a infancia. A través deste servizo queremos contribuír á detección temperá de posibles dificultades no desenvolvemento, na linguaxe, na aprendizaxe, na atención, na conduta ou no ámbito emocional e social, facilitando orientacións e recursos adaptados a cada situación. Pero tamén queremos transmitir unha idea importante: non é necesario que exista unha dificultade ou un diagnóstico para solicitar orientación. Ás veces, unha pequena dúbida, unha preocupación cotiá ou a necesidade de comprender mellor unha determinada etapa do desenvolvemento son motivos suficientes para buscar acompañamento.
Como parte deste novo servizo, queremos abrir tamén un espazo de información e reflexión nesta páxina web. Ao longo dos encontros que compartimos coas familias nas escolas infantís e nos diferentes grupos de Educando en Familia, fomos recollendo preguntas, intereses e preocupacións relacionadas coa crianza e co desenvolvemento infantil. Estas achegas serán o punto de partida dunha nova proposta: cada mes dedicaremos unha publicación a abordar algunha das cuestións que máis vos preocupan. Falaremos de desenvolvemento infantil, linguaxe, emocións, autonomía, límites, conduta, relacións sociais, aprendizaxe e de moitos outros aspectos que forman parte do día a día das familias.
En cada publicación atoparedes información sinxela e rigorosa, orientacións prácticas e pequenos recursos que vos poidan axudar a comprender mellor o que sucede e a acompañar aos vosos fillos e fillas desde o respecto, a confianza e a seguridade. Porque educar non significa ter sempre todas as respostas, senón contar con ferramentas, apoio e espazos nos que poder compartir as nosas preguntas.
As primeiras palabras son un dos momentos máis esperados polas familias. Escoitar por primeira vez un «mamá», un «papá» ou unha palabra coa que os nosos fillos e fillas comezan a expresar o que queren ou necesitan adoita ser motivo de alegría e emoción. |